1 MÁIS 3
Carlos Neira
-evento de artes vivas-
Jueves 15 y viernes 16 de Mayo a las 21 h.
Entrada: 12 € (Tlf. 657 914 540)
Aforo limitado
Cando se traballa en escena desde un enfoque conceptual durante unha extensa traxectoria, a inercia natural do proceso creativo conduce a unha cosmogonía intelectual propia. Un universo onde todos os elementos da dramaturxia, que xa adquiriran direccións diferentes ás tradicionais, acadan unha dimensión aínda máis radical e inesperada.
En efecto, é nese contexto onde se comprende a aparición dun espazo ficticio só dependente da percepción, tan elástico como a ollada que o constrúe; un espazo que se erixe e transforma dentro dun tempo efémero, que nada ten que ver co discorrer cronolóxico. Un cronotopo, en definitiva, edificado desde a mirada e o movemento dun actor ao servizo de tal complexo arquitectónico, dun director –que verbaliza, en directo, esa construción- e dos medios tecnolóxicos –que arrefrían a emoción humana ao tempo que humanizan a tecnoloxía-.
“1 MÁIS 3” conforma o inicio dunha serie de eventos de artes vivas dentro da liña descrita. Esta peza en concreto experimenta con diferentes niveis de comunicación, indagando nos distintos planos lingüísticos e incorporando elementos da linguaxe matemática, física e cibernética. Desde eses presupostos, amósanse, ademais, novas maneiras de fixar efectos fotográficos na retina do espectador que van configurando a memoria de quen ve. Mais tamén de quen actúa. Van configurando... Van configurando a memoria de quen le. Mais tamén de quen escribe... Agora. De quen ve, de quen actúa. Como nun accidente. Van configurando... Actúa.
Con: Roi Fernández, Rosalía Fernández y Paula Ballesteros.
© Copyright 2009-2024 TRINTA | | Aviso legal | | Política de cookies | | Favoritos | | Inicio |